Transcripción dunha carta manuscrita de Alonso Ríos a Castelao.
A Coruña, 27 de Outono 1934
Querido Alfonso:
Dóulle resposta â tua carta. O de Bóveda non
ten nome. Falei cos compañeiros e irmáns. Primeiramente vin a Miñones
e Iglesias Corral para lles pedir que como diputados enviasen telegramas
a Marraco rogándolle deixe sin efecto o traslado e insinuándolle que
lle darán estado parlamentario ô asunto. Miñones quedou en dar-me
copia do seu telegrama. Iglesias di que sai hoxe para Madrid e que
falará ali co ministro do feito. Non teño moita confanza n'eles.
Díxenlle a Plácido que hai que interesar ôs diputados vascos no
conto. E si é posibel os da isquerda catalana e incrusive a Estelrich e
outros da Lliga. Pero d'esta xestión coido que debe encarregarse o
Consello do Partido. Tamén débese decirlle a tódol-os grupos de irmáns
que telegrafien ô ministro da Facenda, sen perda de tempo. E compre
tamén mandar notas a prensa de Madrid e â Euskadi, e «La Veu de
Catalunya».
Ben seria un homenaxe a Bóveda. Pero un xantar
ou outro acto público hoxe non ha ser doado facelo, pois non o
permitirian ¿Máis non poderíamos idear unha suscripción na prensa na
que sone tódol-os días o nome de Bóveda? ¿Unha suscripción para
regalarlle algo?
Pensade ben. E a ver que acordamos en
definitiva. Poderia ser un libro ou folleto con alguns dos seus
traballos e a esposición das supostas causas do seu traslado.
As cousas andan mal. Teño noticias fidedignas
de que Niceto non firmará nin unha so pena de morte por causas
políticas. Ao parecer ten cand'a si un grupo de militares. Os radicaes
tampouco queren fusilamentos. A Ceda, si, tencionan si se abre o
Parlamento darlle un voto de censura ô Presidente da República para
facerlle dimitir. Pero temen que Alba seña pior. Ao golpe d'Estado
témenlle. Pol-a sua parte, Niceto, quixo saber a opinión de Ortega
Gasset, a través de Marañón. E Ortega coida que o millor seria un
Goberno de concentración republicana e eleccións, de maneira que a
situación está seria. E pode que se demore a abertura das Cortes.
De feito hai moitas xentes que dan roxo. E
sobre todo esa xente das dereitas que quere orden para ben vivir mentras
outros pasan fame, explotando a bandeira da relixión, pero pidindo
penas de morte e vendo como cousa natural que March e Emiliano señan os
arbitros do hespañolisimo, retrotraéndonos ôs tempos ruinosos de
Romero Robledo.
¿Liches o libro de Benavides «El último
pirata del Mediterráneo»? E un bon libro que hai que divulgar porque
n'el o Emiliano e comparsa están retratados de mar de mestre. Benavides
é galego. Tamén merecía un homenaxe.
Si eu non perteñecese ô Partido Galeguista
quizais fixese un chamamento a tódol-os autenticos republicanos galegos
para facer una unión sagrada advertindo previamente que cantos constituimos o Comité provisional nos
comprometeriamos a non suster cárrego
algun representativo ou de beneficio persoal en ningun caso. Porque de,
pillos ambiciosos estamos fartos.
Non deixemos o de Bóveda. Tratemos de-lle
mostrar a nosa solidaridade e esprotemos ademais o lamentabel feito en
favor da causa.
Todo menos dormirnos. Cada vez con máis azos
â loita. Sauda ô irman Bóveda no meu nome. Un saudo a todos e para ti
unha fortisima aperta de Antón. |